Con paso lento avanza o Club Baloncesto Arxil na composición do equipo de cara á próxima tempada.
Tras a renovación de Ana Román, a segunda xogadora en confirmar a súa continuidade no club verde foi María Lago, que cumprirá a súa quinta tempada defendendo as cores do Arxil.
María foi unha das xogadoras con máis peso no esquema de Mayte Méndez a pasada campaña, sendo a cuarta con máis valoración do equipo.
"Adáptase perfectamente á filosofía do Arxil", recoñece o coodinador do club Lino Vázquez, que ademais entende "nesta campaña gañou peso específico dentro do equipo".
Despois desta renovación o Arxil espera agora pola contestación das xogadoras que aínda non se pronunciaron sobre a súa continuidade, como son Sandra Entenza, Carla Fernández, María González, Cristina Díaz-Pache, Fany López, Ana Martín, Andrea Carrera ou Jara Tuda.
Non entra nesa lista Maimouna Diarrá. A pesar de intentar a renovación da xogadora máis determinante da última liga as posibilidades de que continúe son mínimas, polo que se repasa o mercado na busca dun recambio para a súa posición e tamén para o xogo exterior.
Por outra parte, aínda que non se confirmou aínda, non se esperan sorpresas no apartado técnico do club e que Mayte Méndez, Milagros Sanmartín e Cuco Rodríguez sigan un ano máis.