María Vilas e Bea Gómez, dobre medalla (prata e bronce) nos 400 estilos do Nacional de Inverno

Pontevedra
15 de novembro 2019

As dúas nadadoras olímpicas do Galaico déronlle ao club pontevedrés, no segundo día de competición, as súas primeiras medallas no Campionato de España de Inverno que se está celebrando en Xixón, nadando ademais por baixo da marca mínima esixida para o Campionato de Europa

Bea Gómez e María Vilas tras ser terceira e segunda nos 400 estilos do Nacional de Inverno Club Natación Galaico

Ao segundo día de competición chegaron as primeiras medallas para o Club Natación Galaico no Campionato de España de Inverno de Natación que se está celebrando en Xixón.

Chegaron ademais por partida dobre grazas ás súas dúas nadadoras olímpicas, María Vilas e Bea Gómez Cortés, que compartiron podio na proba dos 400 estilos.

Ambas as dúas pasaron á final despois de ser a segunda e terceira máis rápidas nas quendas clasificatorias (4:43.58 Vilas e 4:46.21 Gómez Cortés), o que as colocaba entre as favoritas á vitoria. Con todo o triunfo na final foi para Paula Juste (CN Lleida) cun tempo de 4:36.38 nunha bonita pelexa coas dúas galegas.

Segunda e por tanto medalla de prata chegou María Vilas (4:38.55) mentres que Bea Gómez foi terceira moi preto da súa compañeira de equipo (4:39.20). As dúas rebaixaron con este rexistro a marca mínima esixida para o Campionato de Europa que se celebrará en Glasgow. 

Nos 400 estilos competiu tamén Carla Goyanes, co 30 mellor tempo nas preliminares (5:07.19), mentres que Daniel Sánchez participou na proba de 50 costas logrando meterse na final B, na que foi cuarto (25.68). 

A gran cita nacional da tempada de piscina curta non concluirá ata o domingo día 17 de novembro.