O Marín C.F. presentou este mércores, no Estadio Municipal San Pedro, as súas tres últimas fichaxes, coas que dá por pechado o plantel que o club porá ás ordes de Sergio Martín no Grupo V da Primeira División Autonómica.
Por unha banda chegan Jacobo Millán e Pablo Barrio que tiveron un importante protagonismo no ascenso que acaba de conseguir o Juventud de Cambados a Terceira División.
O terceiro é un xogador nado en Marín cunha ampla traxectoria na Segunda División B (actual Segunda RFEF e polo que a afección local sempre suspirou velo vestido de franxiazul, Víctor Vázquez 'Churre' que deu por rematada a súa permanencia coma xogador no Pontevedra C. F.
Churre, marinense, de 35 anos, defendeu a camiseta granate en 201 partidos oficiais durante 7 tempadas. Todo iso despois de militar cinco tempadas no Racing de Ferrol e outras 5 no R. C. Celta B en cuxa canteira se formou.
Tras coñecerse a súa desvinculación co conxunto granate Churre recibiu numerosas ofertas de clubs de categoría nacionais pero tras coñecer o proxecto que se estaba preparando en Marín decidiu "ayudar a que el equipo de mi pueblo pueda reverdecer viejos laureles".
Jacobo Millán é, aos seus 36 anos, todo un clásico de fútbol das Rías Baixas. E vén de ser unha peza básica no ascenso do Juventud de Cambados a Terceira RFEF. Antes vestiu a elástica do Cultural Beluso, Estudantil, U. D. Somozas, S. D. Compostela, Pontevedra C. F. e Alondras C. F..
Vai achegar a súa experiencia a un mediocampo franxiazul que este ano intentará levar o timón dos seus partidos, porque a une na entidade morracense non se marcan unha meta fixa as ilusións están en mirar a clasificación desde o máis arriba posible.
Tamén desde o equipo amarelo, onde xa era toda unha institución, chega Pablo Barrio, despois de deixar a 'Vila do Albariño' en Terceira RFEF tras seis tempadas nas que xogou 133 partidos oficiais defendendo a súa camiseta. Este centrocampista pontevedrés tamén defendeu as cores da Unión S. D. Grove e do Pontevedra C. F. B en cuxa canteira se formou.
Con estas tres incorporacións o Marín Club de Fútbol pecha un plantel de 19 efectivos, pois se quere, tamén, ir dando oportunidades aos mozos efectivos o filial E. F. Vila de Marín, e que se porá a traballar o próximo 28 de xullo xa que a RFGF xa fixo oficial que a competición oficial botará a andar o 7 de setembro.