Marín renova o seu convenio coa Federación e mantense como eixo do baloncesto galego

Marín
07 de febreiro 2018

Concello e Federación rubricaron un ano máis o seu acordo, en virtude do cal Marín acollerá diversos eventos relacionados co baloncesto ao longo do ano, empezando a próxima fin de semana co V Torneo de Seleccións Autonómicas de Minibásquet

Sinatura do convenio entre Concello de Marín e Federación Galega de Baloncesto Concello de Marín

O Concello de Marín e a Federación Galega de Baloncesto renovaron o convenio de colaboración entre ambas as institucións que permitirá manter á vila como un dos grandes centros deste deporte a nivel autonómico.

Este acordo dará amparo a unha serie de actividades e competicións ao longo do ano que promocionarán o baloncesto, empezando pola próxima fin de semana coa disputa do V Torneo de Seleccións Autonómicas de Minibásquet, os días 10 e 11 de febreiro.

Ademais Marín acollerá concentracións das seleccións galegas de categorías cadete e infantil, tanto masculinas como femininas, ou as concentracións do Colexio Galego de Árbitros de Baloncesto.

Ademais durante 2018, concretamente do 10 ao 16 de xuño, terá lugar na localidade o Campionato de España Infantil Masculino, cuxo convenio foi asinado en decembro.

En todas estas actividades involucrarase directamente o club local, o Peixefresco Marín.

O acordo foi rubricado este martes pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, a secretaria xeral da Federación Galega de Baloncesto e a presidenta do CB Peixefresco.