Marín será sede dunha das probas da Copa de España Feminina de Ciclismo en Ruta

Marín
18 de febreiro 2015

O I Trofeo Ría de Marín, organizado polo Club Ciclista Marín, disputarase o día 9 de maio, segundo revelou a Federación Española de Ciclismo

Irene Trabazo co resto de gañadoras da Copa de España de Ciclismo 2014 Real Federación Española de Ciclismo

Marín aposta polo ciclismo feminino para a súa programación deportiva de 2015 acollendo unha das probas da Copa de España de Ciclismo en Ruta.

Segundo revelou a Federación Española, o 9 de maio a vila acollerá unha das oito probas do calendario baixo a organización do Club Ciclista Marín e a denominación de I Trofeo Ría de Marín.

Ademais desta cita a Copa de España Feminina arrancará o 29 de marzo en Murcia co XIII Trofeo Roldán, para seguir o 11 abril co I Trofeo Bicicletas Jonny (Ávila), o 12 de abril co II Trofeo Zamora, o 2 de maio coa Challenge Vuelta a Burgos, o 21 de xuño co V Trofeo Gobierno La Rioja e finalizará o 16 de agosto co I Trofeo Sevilla.

Falta por confirmar a data exacta para Trofeo Falles de Xativa, que foi aprazado.

Salvo contratempo a marinense Irene Trabazo participará nesta competición na categoría júnior, tras facerse co título a pasada tempada en idade cadete.