Mario Barco e Mateu Ferrer, unha parella de dianteiros que promete "ilusión y trabajo"

Pontevedra
18 de agosto 2016

O Pontevedra presenta oficialmente ás súas dúas últimas fichaxes, chamadas a levar o peso ofensivo do equipo. "Mario es un jugador más de esfuerzo y pelea y Mateu es más de área", sinalou o director deportivo, Roberto Feáns

Presentación de Mario Barco e Mateu Ferrer como xogadores do Pontevedra
Presentación de Mario Barco e Mateu Ferrer como xogadores do Pontevedra / Cristina Saiz

Foron os últimos en chegar pero non escapan á que será a súa responsabilidade esta tempada, levar o peso ofensivo dun equipo que espera pelexar polos postos de privilexio.

Os dianteiros Mario Barco e Mateu Ferrer foron presentados este xoves oficialmente como xogadores do Pontevedra, aínda que xa adestraban desde hai días co grupo e Barco mesmo gozou xa dos seus primeiros minutos como granate.

Ambos prometeron "ilusión" e "ganas de trabajar y de sumar", tal e como verbalizou Ferrer, que a pesar de que lle custou tomar a decisión nun primeiro momento ao ser a súa primera experiencia fóra de Baleares "tener una oferta de un club profesional e histórico como este me apetecía mucho", sinalou.

Pola súa banda Barco ve no club da cidade de Lérez "un sitio perfecto para poder dar el salto, un sitio intermedio entre Somozas y Lugo", equipo polo que está cedido en Pontevedra. Ademais "los objetivos que tenía el club y la influencia de Luisito me convenció", recoñeceu.

Trátase de dous dianteiros con características similares, aínda que "Mario es un jugador más de esfuerzo y pelea y Mateu es más de área", explicou o director deportivo, Roberto Feáns.

Ambos declararon ter moitas ganas de debutar en liga, algo que aínda non poderá realizar esta semana Mario Barco ao arrastrar unha sanción dun partido da súa etapa no Somozas.