En catro das últimas seis xornadas o Pontevedra Club de Fútbol deixou a súa portaría a cero, mostrando unha solidez que lle permitiu manterse na zona alta da clasificación a pesar da igualdade da categoría.
Un dos responsables desas cifras é o ocupante da portaría granate, Raúl Marqueta, e por iso foi o futbolista escollido esta semana para comparecer ante os medios de comunicación desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.
"Oxalá que gañásemos sempre con portaría o cero, pero bueno, mentres gañemos é o importante", afirma.
Marqueta asegura ademais que "estamos tranquilos" a pesar dos últimos resultados e "imos semana a semana, partido a partido", pero defende o feito de "seguir en play-off cun partido menos é un reflexo de que estamos a facer as cousas ben".
A clave para manetener na pelexa será manter a tensión competitiva, e é que "esta categoría é moi igualada, calquera lle pode gañar a calquera. Ao final, se non compites os 90 minutos ao 100% calquera pode gañar. Un exemplo foi esta semana, que o Guadalajara vai ao campo de Mérida e gana 1-4 e gana ben".
Por iso non se fía do seu exequipo, un Ourense CF que "sempre vai ser especial porque estiven catro anos alí".
Ademais trátase dun equipo "que compite ao máximo, ten bos xogadores, están a demostralo, a semana pasada fixeron un gran partido contra o Ferrol e sabemos que non vai ser fácil", avanza.
O porteiro granate prevé que o de Pasarón (sábado 21, 16.15 horas) será "un partido de moitas disputas", e no que aínda que "o campo parece que mellorou algo" pode condicionar o xogo porque "tampouco nos axuda moito en canto a ter ese dominio de balón que buscamos".
Raúl Marqueta referiuse ademais á competencia sa que mantén na portaría do equipo con Edu Sousa, xa que "adestrar e ver que o teu compañeiro estache a apertar as torcas e que non che deixa relaxarte é moi bo". Por ese motivo defende que "entre os dous estamos a facer moi bos números, estamos a facer bos partidos e o importante, axudar a Pontevedra para que consiga o obxectivo".