As instalacións do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños acolleron durante a fin de semana o Campionato Galego de Squash, organizado polo Squash Pontevedra e a Federación Galega de Squash.
Á cita chegaba como gran favorita no cadro feminino a local Marta Domínguez, xa cun título ás súas costas no Campionato de España Absoluto, e a xogadora viguesa do Squash Pontevedra non defraudou.
Sen ceder un só set Marta plantouse na final do torneo autonómico, impoñéndose no partido polo campionato á santiaguesa Inés Gómez por un rotundo 3-0.
No cadro feminino María Domínguez finalizou pola súa banda na cuarta posición.
En canto ao torneo masculino outro representante do Squash Pontevedra como Pablo Quintana foi protagonista, no seu caso ao colgar a medalla de prata ao ceder na final ante a principal cabeza de serie do torneo, Pascal Gómez.