Martín Bouzas roza o triunfo no Gran Premio Cidade de Vigo de ciclismo

Pontevedra
29 de agosto 2016

O ciclista do Froiz finalizou na segunda posición da xeral sumando os tempos da cronoescalada e a carreira nun circuíto urbano que compoñían o Gran Premio

Martín Bouzas (esquerda) no podio do Gran Premio Cidade de Vigo
Martín Bouzas (esquerda) no podio do Gran Premio Cidade de Vigo

A un paso da vitoria quedou o Froiz, concretamente o seu cicilista Martín Bouzas, no XLIII Gran Premio Cidade de Vigo.

O corredor do equipo pontevedrés subiu ao segundo chanzo do podio sumando os tempos dos dous sectores de competición, unha cronoescalada celebrada en horario matinal e o circuíto urbano que compoñía a xornada de tarde.

Na cronoescalada de case 4 quilómetros, con saída na Porta do Sol e final no Castro, Bouzas foi segundo cun tempo de 6 minutos e 15 segundos.

Despois, na proba de liña que contaba cun circuíto rompepernas de 15 voltas pola mesma zona do Castro, concluíu quinto.

O triunfo final foi para un ex-corredor do Froiz, Aser Estévez, agora no Rías Baixas, ao ser primeiro na cronoescalada e terceiro na carreira en liña, que gañou o seu compañeiro de equipo Samuel Branco.