Martín Bouzas, ciclista do Froiz, seleccionado para a contrarreloxo sub-23 do Campionato de Europa

Pontevedra
06 de setembro 2016

O corredor galego foi incluído na Selección Española que competirá no Europeo que se celebrará o próximo 14 de setembro na bretaña francesa

Martín Bouzas, ciclista do Froiz
Martín Bouzas, ciclista do Froiz / GD Supermercados Froiz

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz terá representación no próximo Campionato de Europa de ciclismo na estrada, que se celebrará en Plumelec-Morbihan, localidade da bretaña francesa.

Alí estará o seu ciclista Martín Bouzas, seleccionado polo equipo nacional para participar na contrarreloxo sub-23 despois de destacar durante a tempada nesta especialidade.

Bouzas, actual campión de España da categoría contra o crono, competirá en Francia o vindeiro mércores 14 de setembro, sendo o outro representante da Selección Española Gonzalo Serrano (E.C. Cartucho).

O ciclista galego buscará realizar un bo papel nunha contrarreloxo na que deberá completar 25,5 quilómetros de percorrido.

A súa convocatoria para este campionato impediralle participar co Froiz na Volta a Galicia, tal e como tiña previsto o equipo.