Medalla de bronce 'en diferido' para a remuda da Gimnástica no Campionato de España absoluto

Pontevedra
02 de maio 2019

A Real Federación Española de Atletismo outorgou á Gimnástica a medalla de bronce no 4x400 do Campionato de España Absoluto celebrado o pasado mes de xullo en Xetafe por aliñación indebida do AD Marathon madrileño

Ignacio Sarmiento (Sociedad Gimnástica), antes de iniciar unha proba
Ignacio Sarmiento (Sociedad Gimnástica), antes de iniciar unha proba

Cuns cuantos meses de atraso pero a Sociedad Gimnástica pode presumir de medalla no Campionato de España Absoluto de Atletismo.

A Real Federación Española de Atletismo comunicou ao club pontevedrés que lle outorga a terceira posición na proba do 4x400 dentro do campionato celebrado o pasado mes de xullo en Xetafe.

Esta decisión débese á aliñación indebida do AD Marathon madrileño, segundo explicou a Gimnástica.

Desta forma a remuda formada por David Abalde, Ignacio Sarmiento, Roberto Tello e Alberto Guerrero colga 'en diferido' unha meritoria medalla cun tempo de 3:14.05, o que supuxo no seu momento récord absoluto do club nesa disciplina.

O ouro na competición nacional fora para o Playas de Castellón (3:10.62), mentres que a medalla de prata foi para a Real Sociedad (3:12.36).