Tímida estrea de tempada da Gimnástica nas ligas de División de Honra e Primeira División

Pontevedra
13 de maio 2019

A pista de atletismo do CGTD pontevedrés foi escenario dun dos encontros da Primeira División Feminina, coas locais finalizando na terceira posición. Pola súa banda os mozos tiveron unha estrea máis discreta pechando co cuarto posto o seu grupo na División de Honra

Equipo feminino da Gimnástica na primeira xornada da Primeira División no CGTD
Equipo feminino da Gimnástica na primeira xornada da Primeira División no CGTD / Sociedad Gimnástica

Discreta primeira xornada de competición para a Sociedad Gimnástica nas ligas nacionais de División de Honra e Primeira División.

As pistas de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva foron escenario dunha das xornadas da Primeira División, en categoría feminina, cun terceiro posto do club local.

A clasificación deste enfrontamento encabezouna o Universidad León Sprint con 188 puntos, seguido de preto polo Atletismo Feminino Celta que quedaron segundas con 185 puntos. A Gimnástica foi terceira pola súa banda con 161,5 puntos e pechou a táboa o Image FDR con 147,5 puntos.

As pontevedresas conseguiron tres triunfos parciais grazas ás actuacións de Eva Arias en 3.000 obstáculos, Andrea González na xavelina e a remuda 4x100 formada por Pamela Vidal, Cristina Garrido, Eva Salvado e Xiana González.

CUARTO POSTO DO EQUIPO MASCULINO

O debut en liga do equipo masculino da Gimnástica produciuse en Soria, e cun resultado preocupante para a entidade pontevedresa ao ser cuarta pechando a clasificación do seu grupo con 157,5 puntos. 

O vencedor neste caso foi a Real Sociedad con 194,5 puntos seguido do Scorpio (172 puntos) e o Atletismo Numantino (163 puntos).

Os mellores resultados conseguíronos Iñaki Canal nos 200 metros e Ignacio Sarmiento nos 400 valos ao facerse co ouro. Francisco López (110 valos), Alfonso  Palomanes (triplo salto), Víctor Gallego (peso), Sergio Paredes (martelo) e Daniel Chamosa (5.000 marcha) foron segundos, mentres que conseguiron senllos terceiros postos Raúl Cortizo (altura), Jaime Canas (5.000 marcha) e a remuda 4x400 formada por Eduardo Gallardo, Roberto Tello, Hassan Izzedine e Ignacio Sarmiento.

A próxima xornada de liga disputarase o sábado 1 de xuño cunha sede e competición aínda por decidir.