Valencia e Durango, paradas para a Gimnástica na segunda xornada das ligas nacionais de atletismo

Pontevedra
22 de maio 2019

O conxunto masculino, que tentará mellorar o seu resultado da primeira xornada para non pasar apuros na súa loita pola permanencia na División de Honra, viaxará a Valencia o próximo 1 de xuño, mentres que o equipo feminino de Primeira División desprazarase ao País Vasco

Equipo feminino da Gimnástica na primeira xornada da Primeira División no CGTD
Equipo feminino da Gimnástica na primeira xornada da Primeira División no CGTD / Sociedad Gimnástica

A Sociedad Gimnástica coñeceu este martes que lle espera na segunda xornada das ligas nacionais de atletismo, tanto na División de Honra Masculina como na Primeira División Feminina, tras unha primeira data que non saíu como se esperaba.

O conxunto masculino, último do seu grupo na súa estrea da tempada, necesita mellorar o seu resultado para non pasar apuros na loita pola permanencia á que parece xa abocado. 

Deberá facelo en Valencia, nas Pistas do Río Turia, sede fixada pola Real Federación Española de Atletismo para o enfrontamento no que os pontevedreses verán as caras co anfitrión, o Fent Camí Mislata (1º do Grupo na primeira xornada), o AD Marathon (2º de grupo) e o AA Catalunya (3º).

Pola súa banda o equipo feminino da Gimnástica, terceiro na xornada inaugural da Primeira División disputada no CGTD de Pontevedra, deberá viaxar ao País Vasco, a Durango, para medirse ao Atletismo Alcorcón (1º de grupo), Bidezábal Durango  AT (2º) e UCAM Cartagena (4º).

Os enfrontamentos da segunda xornada nas ligas nacionais de atletismo, que decidirán o corte na loita polo título ou pola permanencia, disputaranse o vindeiro sábado 1 de xuño.