A taekwondista marinense do Mat's Arlet Ortiz (-57 kg) acadou a medalla de ouro no Open de Turquía, de categoría G-2, que se celebrou esta fin de semana en Ankara.
Arlet disputou un total de catro combates e venceu en todos eles en só dous asaltos.
A competición arrincou ante a competidora local Yagmu Ispirli cun claro triunfo de Arlet que avanzou cara aos cuartos onde esperaba a tamén turca Eylul Mina Durdu. Nova vitoria da taekwondista galega que xa aseguraba un metal.
Pero a galega non se conformou e na semifinal tivo que enfrontarse á kazaja Mariya Sevostyanova e novamente, Arlet fixo un gran traballo e logrou a clasificación para a final en só dous asaltos.
No combate polo ouro volveuse enfrontar a outra competidora local, nesta ocasión a Gulse Polat e Arlet pechou a súa traxectoria impecable con outro triunfo incontestable neste Open de Turquía.
Pola súa banda, no peso pesado masculino tamén competiu Iván García. O marinense segue sumando combates na súa posta a punto trala operación de xeonllo, que tivo lugar a comezos de ano. No Open de Turquía, Iván superou a primeira rolda, na que eliminou a Omer Faruk Karatas (Turquía), pero no puido nos cuartos ante o iraniano Arian Salimi, medallista mundial e finalmente vencedor do Open de Turquía.