Arlet Ortiz e Iván García, eliminados en primeira rolda do Grand Prix de Taiyuan

Marín
13 de outubro 2023

Os dous taekwondistas do Mat's, Arlet e Iván, non tiveron sorte cos emparellamentos e tocoulles no primeiro combate os rusos Tatiana Minina, prata olímpica en Tokyo, e Vladislav Larin, o último campión olímpico, que baixaron no ranking como consecuencia da sanción a Rusia e aos seus deportistas pola guerra de Ucraína  

Tania Castiñeira, Alma Pérez, Iván García e Arlet Ortiz, no Grand Prix de Taiyuan
Tania Castiñeira, Alma Pérez, Iván García e Arlet Ortiz, no Grand Prix de Taiyuan / Federación Galega de Taekwondo

Os galegos Arlet Ortiz, Iván García, Tania Castiñeira e Alma Pérez participaron esta semana coa Selección Española de Taekwondo no Grand Prix de Taiyuan (China), onde se reuniron cos mellores taekwondistas do mundo buscando a clasificación para os Xogos Olímpicos de París 2024.

Era un evento do máximo nivel (G-6) que outorgaba 60 puntos pola medalla de ouro, 36 pola prata e 21.6 para os bronces pero desgraciadamente, nesta oportunidade, ningún dos catro puido subir ao podio e achegarse a esa clasificación olímpica.

Os dous taekwondistas do Mat's, Arlet e Iván, non tiveron sorte cos emparellamentos e tocoulles no primeiro combate os rusos Tatiana Minina, prata olímpica en Tokyo, e Vladislav Larin, o último campión olímpico, que baixaron no ranking como consecuencia da sanción a Rusia e aos seus deportistas pola guerra de Ucraína.

Ortiz (-57) caeu en dous asaltos e García (+80), que despois de moitos meses parado pola operación de xeonllo nos últimos combates comezou a recuperar as boas sensacións no tapiz, perdeu nun duelo tremendamente axustado tanto por asaltos como polo discorrer na loita, decantándose finalmente a favor do ruso por 2-1.

Tania Castiñeira (+67, Hebe), pola súa banda, caeu en oitavos de final contra Althea Laurin (Francia), actual campioa do mundo, mentres que Alma Pérez (-57, Suh Sport) perdeu tamén en oitavos de final ante a croata Nika Karabatic (Croacia), que a superou en dous asaltos.

A próxima gran cita para os taekwondistas españois será o Grand Prix final G10, que se celebrará en decembro en Manchester e onde estarán en xogo os últimos billetes vía 'clasificación' para os Xogos de París.