Medalla de prata e primeira mínima mundialista para Bea Gómez no Nacional Open

Pontevedra
28 de marzo 2015

A pontevedresa logrou unha marca de 8:31.54 na final dos 800 libre, sendo superada só por Mireia Belmonte (8:28.53). Tamén competiron na primeira xornada do Campionato de España outros dous nadadores do Galaico, Paula Goyanes e Daniel Sánchez

Bea Gómez instantes antes da final de 200 libres no Nacional Open Manuel Quiroga

Grande inicio de competición para Bea Gómez Cortés na primeira xornada do Campionato de España Open Abosulto de Primavera que se está a disputar en Málaga.

A nadadora pontevedresa colgouse a medalla de prata nos 800 libre cun tempo de 8:31.54, que significa ademais a súa clasificación para o Campionato do Mundo de Kazan (Rusia) do próximo verán.

Gómez Cortés conseguiu a primeira mínima mundialista das catro ás que aspira, sendo superada só por Mireia Belmonte (8:28.53).

A ribeirense María Vilas completou o podio dos 800 libre (8:38.09).

Para a xornada do domingo Bea Gómez afrontará o seu día máis completo, ao estar inscrita nos 400 estilos e nos 200 libre.

Tamén competiron na primeira xornada en Málaga dous deportistas máis do Galaico, Paula Goyanes e Daniel Sánchez.

Goyanes foi cuarta na final C de 200 bolboreta (2:21.05) e décimo sexta nos 800 libre (9:05.98) mentres Sánchez concluíu vixésimo quinto nos 1.500 (16:46.16).