Medio cento de pilotos, a pola vitoria na Subida Cidade de Pontevedra

Pontevedra
20 de xuño 2016

Uns cincuenta pilotos participarán os próximos días 24 e 25 de xuño na XIX edición da Subida Cidade de Pontevedra, segundo avanzaron este luns os organizadores desta proba, que forma parte do campionato galego de montaña

Presentación da XIX edición da Subida Cidade de Pontevedra PontevedraViva

Uns cincuenta pilotos participarán os próximos días 24 e 25 de xuño na XIX edición da Subida Cidade de Pontevedra, segundo avanzaron este luns os organizadores desta proba, que forma parte do campionato galego de montaña.

A subida, que está organizada pola escuadra Cidade de Pontevedra, viuse obrigada a cambiar os seus días de celebración, debido á convocatoria electoral.

Así, o venres 24 de xuño realizaranse as verificacións dos participantes no peirao das Corbaceiras. Tras estas comprobacións, as tres primeiras mangas da competición desenvolveranse en Marcón a partir das catro da tarde. As outras tres mangas celebraranse o sábado 25 de xuño, a partir das nove e media da mañá.

Ademais, como vén sendo habitual nesta proba, o parque pechado estará habilitado na Praza de España, onde o público poderá contemplar os coches dos participantes antes e despois dos dous días de carreira.

A Subida Cidade de Pontevedra celebrarase na estrada do campo de fútbol de Marcón por Pintos ata o polígono industrial da Reigosa, onde estará situada a meta. Trátase dun percorrido de case tres quilómetros e medio e que conta cun desnivel medio de 214 metros e unha pendente do 7,6%.

A entrega de premios terá lugar o sábado, ás cinco e media da tarde, na Praza de España.

O gañador da pasada edición, Alex Viéitez, sinalou na presentación da proba que se trata dunha das subidas "máis bonitas" do circuíto galego. O actual líder do campionato autonómico, un dos grandes favoritos ao triunfo final, mostrouse convencido de que "se todo vai ben podemos volver gañar".

Pola súa banda, Víctor Magariños -que na pasada edición finalizou en terceira praza da categoría de carrozados- celebrou o cambio de trazado que se aprobou o pasado ano, máis técnico que o anterior e avanzou que virá con montura nova, tras abandonar o BMW M3 E30 e pasar ao Porsche GT3.