Melania Rodríguez consegue o ouro na Copa do Mundo de DMT

Pontevedra
27 de xuño 2022

A ximnasta pontevedresa participará no mes de xullo na cidade estadounidense de Birmingham nos World Games, o evento máis importante do calendario da modalidade de dobre minitramp

Melania Rodríguez, no Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín en Rimini Real Federación Española de Gimnasia

A ximnasta pontevedresa Melania Rodríguez conseguiu a medalla de ouro na Copa do Mundo de ximnasia acrobática, na modalidade de dobre minitramp (DMT), celebrada a pasada fin de semana na cidade portuguesa de Coimbra.

A deportista estivo entre as mellores en cada unha das fases do campionato. Clasificouse á semifinal coa segunda mellor marca e meteuse na pelexa polas medallas como a terceira mellor do evento. Con todo, na rolda definitiva, Melania ofreceu a súa mellor versión para subirse todo o máis alto do podio cunha puntuación de 26.800 que lle serviu para colgarse a presea de ouro.

Por detrás, con 25.400 e 24.900, quedaron a neozelandesa Bronwyn Dibb e a australiana Carina Hagarty. 

A pupila de Pablo Hinojar está centrada agora na modalidade de DMT coa vista posta nos World Games, que se celebran o próximo mes de xullo na cidade estadounidense de Birmingham.

Con todo, despois desta competición que ten marcada en vermello no seu calendario, a ximnasta pontevedresa volverá centrarse na modalidade de trampolín, na que aspira a clasificarse para os próximos Xogos Olímpicos de París.