Melania Rodríguez pon a proba as súas aspiracións olímpicas no mundial de trampolín de Bulgaria

Pontevedra
16 de novembro 2022

A ximnasta pontevedresa debuta este mércores nas roldas preliminares de trampolín e dobre mini tramp co obxectivo de clasificarse para as finais, previstas para o sábado e o venres, respectivamente

Melania Rodríguez forma parte da convocatoria de quince ximnastas españois que participarán nos mundiais de trampolín de Sofía
Melania Rodríguez forma parte da convocatoria de quince ximnastas españois que participarán nos mundiais de trampolín de Sofía / Real Federación Española de Gimnasia

A ximnasta pontevedresa Melania Rodríguez atópase na capital búlgara de Sofía para comezar, este mércores, a súa andaina nos mundiais de trampolín e dobre mini tramp.

A deportista do Club Ximnasia Pontevedra As Burgas ten previsto debutar esta tarde coas roldas preliminares de ambas as disciplinas co obxectivo de clasificarse para ambas as finais, que se disputan o sábado e o venres, respectivamente.

Aínda que a súa especialidade é o dobre mini tramp, modalidade na que xa logrou este verán en Estados Unidos a medalla de ouro nos Xogos Mundiais de disciplinas non olímpicas, o foco da nova pontevedresa de 21 anos está posto no trampolín.

Unha boa actuación nesta cita mundial deixaría a Melania en disposición de loitar o próximo ano pola clasificación para os Xogos Olímpicos de París 2024. Xa no último mundial, celebrado o ano pasado en Baku, Rodríguez conseguiu un sétimo debido a que, de conseguilo en ano preolímpico, aseguroulle o billete para París. Por iso, a pontevedresa tratará de seguir mellorando o seu nivel para lanzarse a próxima tempada á conquista do pase ao Olimpo.

O bo momento de forma que atravesa a ximnasta pontevedresa vese reflectido nos resultados conseguidos este ano. Ademais do ouro de Birmingham, Melania subiuse todo o máis alto do podio na Copa do Mundo de Coimbra de DMT, foi cuarta no Europeo de Rimini e bateu o récord de puntuación na Copa do Mundo DMT celebrada tamén na cidade italiana.

En Sofía, Melania non estará soa. Forma parte dunha delegación española composta por quince ximnastas. Ademais, enre os técnicos estará tamén o seu adestrador, o pontevedrés Pablo Hinojar.