O mundial de ximnasia trampolín que se está celebrando na capital búlgara de Sofía segue o seu curso con bos resultados para a delegación española. Sobre todo, para a ximnasta pontevedresa Melania Rodríguez que este mércores logrou o pase directo á final de Dobre Mini Tramp e á semifinal da modalidade de Trampolín.
Unha vez máis, a deportista do Ximnasia Pontevedra As Burgas demostrou que é toda un referente mundial no DMT. A galega pasa directamente á loita polas medallas cunha puntuación de 52.800, a mellor de todas as participantes.
Con todo, terá que mellorar as súas marcas en Trampolín para poder optar ao podio. A pontevedresa conseguiu unha puntuación total de 54.140 que lle outorgou o pase á semifinal coa duodécima mellor marca. Para conseguir o pase tivo que recorrer ao seu segundo intento, despois de resultar errada a primeira rutina.
A pontevedresa xogarase o pase á final este venres a partir das 12.30 horas, mentres que a final de DMT terá lugar pola tarde ao redor das 18.30 horas. Ambas as competicións poden seguirse en directo pola páxina web oficial do campionato.
2022 TG World Championships - Melania Rodriguez (ESP) 52.800 DMT@RFEGimnasia pic.twitter.com/W4n6oSyOq2
— InternationalGymnast (@intlgymnast) November 16, 2022