Melania Rodríguez proclámase en Bulgaria campioa do mundo de ximnasia trampolín

Pontevedra
17 de novembro 2017

A deportista do Club Ximnasia Pontevedra, acompañada en Sofía polo seleccionador nacional Pablo Hinojar, proclamouse este xoves campioa mundial de dobre minitramp na categoría 15-16 despois dun concurso espectacular

Melania Rodríguez con Pablo Hinojar no Campionato do Mundo de Ximnasia Trampolín en Bulgaria Club Ximnasia Pontevedra As Burgas

Espectacular! Así estivo a ximnasta pontevedresa Melania Rodríguez no Campionato do Mundo de ximnasia trampolín que se está a disputar na capital búlgara, Sofía.

A deportista do Club Ximnasia Pontevedra As Burgas, acompañado da alma máter do club e seleccionador nacional Pablo Hinojar, brillou na final de dobre minitramp na categoría 15-16 para facerse coa medalla de ouro.

Melania accedeu á gran final tras ser cuarta na rolda preliminar entre a trintena de participantes cunha puntuación de 67.100 puntos.

Xa na final a pontevedresa elevou o listón cun concurso sobresaliente grazas a unha puntuación de 69.500 puntos, superando así á estadounidense Kiley Lockett (69.100 puntos) e á rusa Alexsandra Bonartseva (68.100 puntos), prata e bronce respectivamente.

A competición en Bulgaría continúa este xoves para o club pontevedrés nas categorías de idades coa participación en dobre minitramp de Alejandro Cid.

Trátase da primeira medalla no presente Mundial para o Ximnasia Pontevedra As Burgas, que xa rozou o podio na categoría absoluta co ourensán Daniel Pérez, cuarto na final do mesmo aparello, o dobre minitramp.