A ximnasta pontevedresa Melania Rodríguez recibiu este venres un recoñecemento no Concello de Pontevedra, onde foi recibida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e pola concelleira de Deportes, Anabel Gulías.
Foi tras lograr en agosto o récord do mundo na modalidade de dobre mini-tramp durante os World Games disputados en China.
"Foi incrible, sobre todo porque foi algo inesperado", confesou a deportista, que aínda lembra a mestura de nervios e emoción a executar o exercicio.
"Tiña varios obxectivos dependendo do que pasase, pero ese non entraba nos meus plans. Por circunstancias da competición tiven que facelo, quería o récord e saíu ben", lembrou Melania cun sorriso.
A experiencia, sobre todo no momento de pisar o solo, "foi súper chula" e a sensación ao saber que batiches a marca do mundo "é algo inexplicable, só sábeo a propia persoa", recoñeceu.
A deportista, que se converteu nun referente do trampolín tanto en Galicia como en España, xa ten a mirada posta nos próximos retos, que serán a Copa do Mundo, que se disputará en Bulgaria entre o 26 e o 28 de setembro, así como o Mundial, que se celebrará en Pamplona entre o 6 e 9 de novembro.
Con todo, o seu gran obxectivo pasa por chegar o máis lonxe na modalidade de trampolín olímpico xa que a súa meta a longo prazo é a clasificación para os Xogos Olímpicos de Los Ángeles.
Aínda que mantén opcións tamén en dobre mini-tramp, que é a modalidade que lle deu o récord mundial, asume que agora "queda nun segundo plano. Oxalá estar na final de trampolín, que é a olímpica", comentou.