Segunda xornada na División de Honra B Feminina e segunda derrota para o Pontevedra Rugby Club, nesta ocasión no seu desprazamento a Xirona para medirse ao G.E. i E.G.
Pese ao resultado final, un contundente 49 a 0, o certo é que o equipo pontevedrés mostrouse satisfeito da progresión dunhas xogadoras que aínda están a se adaptar á segunda categoría nacional, cun proxecto que trata ás alancadas de coller o ritmo e o nivel necesarios.
"Saboreamos de novo a derrota, pero puidemos comprobar unha clara melloría das nosas mozas desde o seu debut", recoñecen desde o PRC.
En canto ao partido, as locais sentenciaron na primeira metade, chegando ao descanso cun tenteo de 39-0, sendo máis parella a segunda metade, onde se viron dous únicos ensaios por parte das catalás.
A próxima fin de semana o Pontevedra Rugby Club volverá a afrontar unha longa viaxe a Cataluña para medirse na terceira xornada de liga ao CR Sant Cugat, segundo clasificado tras gañar os seus dous primeiros partidos.