Mesmo horario e mesmos prezos para a final contra o Puertollano

Pontevedra
10 de xuño 2014

O partido de ida en Pasarón xogarase o domingo ás 20:00 horas, mentres que o de volta en Puertollano, pendente de confirmación oficial, apunta a ser tamén en domingo, a partir das 19:00 horas. O Pontevedra mantén os mesmos prezos da eliminatoria anterior fronte ao Atlético Granadilla

Colas nas billeteiras de Pasarón antes do partido de liga contra o Somozas PontevedraViva

A final polo ascenso xa ten data e hora. O partido de ida da terceira e última eliminatoria entre Pontevedra e Puertollano disputarase en Pasarón o domingo, día 15 de xuño, a partir das 20:00 horas, repetindo horario con respecto ao enfrontamento anterior co Atlético Granadilla.

A diferenza do sucedido co conxunto canario, o diálogo entre os presidentes de ambos os dous clubs ten sido fluído, permitindo alcanzar un rápido acordo, satisfactorio para ambas as dúas partes, xa que por un lado se elude a previsible calor prevista para a xornada, e por outro facilítase a asistencia dos afeccionados, que poderían chegar a tempo naqueles casos nos que opten por gozar dunha xornada de praia, ademais de non atrasar en exceso o retorno dos afeccionados que poidan chegar dende a cidade castelán-manchega.

Mesmo, aínda que aínda está pendente de confirmación oficial, falouse xa de data e hora para o partido de volta en Puertollano. O conxunto local adoita xogar os domingos no seu campo e nesta ocasión manterá a data, sendo o máis probable que o partido comece ás 19:00 horas.

TAMÿN SE MANTÿN O MESMO PREZO DAS ENTRADAS DA ELIMINATORIA ANTERIOR

O club granate tamén deu a coñecer o prezo das entradas para a eliminatoria final fronte ao Puertollano. O consello de administración decidiu manter as mesmas condicións do enfrontamento anterior co Atlético Granadilla, o que significa que os socios deberán pagar un pequeno suplemento.

Os socios volverán pagar 5, 3 e 2 euros segundo a bancada

Así pois, o prezo da entrada será de 12 (Tribuna), 10 (Preferencia) e 6 euros (fondos) para o público en xeral, mentres os abonados haberán de pagar 5, 3 e 2 euros respectivamente, en cada unha das bancadas.

Ademais os menores de 7 anos entrarán en calquera das bancadas de Pasarón de xeito gratuíta, mentres os menores entre 7 e 13 anos tampouco pagarán, pero deberán retirar previamente, por motivos de control de aforamento, un convite nos puntos de venda e como data límite ata o día do partido, ás 14,00 horas nos despachos do estadio.

Tanto as entradas coma os convites para os menores de idade poderán retirarse dende o mércores ata o venres nas oficinas do club, no propio Estadio Municipal de Pasarón, en horario de 9:00 a 14:00 e 16:00 a 21:00.

Posteriormente poderán adquirirse as localidades de forma anticipada nas billeteiras do campo, que permanecerán abertas o sábado, do 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e o domingo, día do partido, de 11:00 a 14:00 e dende as 17:00 horas ata o comezo.

Ademais dos devanditos puntos de venda, para facilitar aos afeccionados a compra anticipada, as localidades estarán igualmente á venda en horario comercial, a partir do mércores, en dous establecementos comerciais do centro da cidade, Desde o mércores, día 11 (en horario comercial): Ernesto Filgueira - A Casa dos Paraugas (Praza Méndez Núñez, 17) e no Café Bar Carabela (Praza da Estrela, n.º 1).