Estivo a só un paso de recalar no verán no Pontevedra, e uns meses despois é un dos nomes de moda na Segunda RFEF.
A vida de Míchel Alonso cambiou por completo desde que soou con forza para asumir o mando do banco de Pasarón. Foi un dos principais candidatos valorados polo Consello de Administración. Chegou mesmo a establecer negociacións, pero a casa granate terminou por decantarse finalmente por Yago Iglesias.
O ferrolán quedou sen banco ao comezo de curso á espera dunha proposta interesante, e esta non tardou en chegar desde a SD Compostela, próximo rival en liga (domingo 3 de decembro, 17.00 horas).
O proxecto na capital de Galicia, pensado para pelexar polo ascenso de categoría, non arrincou da maneira desexada a liga. Con Manel Menéndez como responsable técnico o conxunto santiagués conseguiu unha única vitoria nas sete primeiras xornadas, afundíndose con 6 puntos na zona de descenso. Por iso desde a directiva do club optouse por un cambio, confiando en Míchel a partir da oitava xornada do campionato.
Foi todo un revulsivo en San Lázaro, dándolle moi rápido a volta a unha situación complicada. Desde a chegada do ex de Racing de Ferrol, Somozas, Rápido de Bouzas ou Coruxo ao bloque compostelán son o segundo mellor equipo do Grupo I. Sumaron 15 de 18 puntos posibles con cinco triunfos e unha sóla derrota (1-0 en Langreo), só superados polo líder Ourense (16 puntos) e por encima de Langreo (13) e Pontevedra e Zamora, que lles seguen con 11 puntos no mesmo intervalo.
Desta forma o Compostela logrou dar o salto desde o descenso ata rozar o play-off de ascenso, xa que ascendeu ata a sexta posición con 21 puntos, catro menos que os granates.
Todo un aviso do que se atoparán o domingo en Pasarón os de Yago Iglesias, necesitados dun triunfo que faga esquecer rápido o seu tropezo no campo do Covadonga.