Miguel Loureiro convence a Luisito e negocia o seu futuro co Pontevedra

Pontevedra
14 de agosto 2015

O lateral encóntrase a proba dende o inicio da pretempada granate. Agora debe negociar a súa incorporación definitiva ao club coa dirección deportiva

Miguel Loureiro durante un adestramento do Pontevedra en Poio PontevedraViva

Incorporouse a proba o primeiro día de pretempada, o pasado 22 de xullo, e dende entón traballou para intentar convencer a Luisito nos adestramentos e nos minutos que tivo en varios amigables.

O rendemento de Miguel Loureiro foi suficiente para que o técnico do Pontevedra recomendase ao club a súa incorporación.

O lateral, que a pasada campaña militou no xuvenil de División de Honra do Celta de Vigo, debe agora negociar coa dirección deportiva as condicións da súa fichaxe.

Coas fichas de futbolistas sénior ocupadas, Loureiro podería darse de alta como sub-23.

A idea é que sexa para todos os efectos xogador do primeiro equipo, coa que adestrará a diario, pero que no caso de non entrar na convocatoria poida reforzar en momentos puntuais ao filial.

A opción de quedarse en Pontevedra e ter opcións de xogar en Segunda B non desagrada ao xogador, que cursa os estudos de Enxeñaría Industrial na Universidade de Vigo.