Miguel Román, Cacharrón, Seoane... Un parte de guerra no peor momento

Pontevedra
08 de decembro 2022

Ademais do golpe moral que supuxo a derrota en Córdoba, o Pontevedra deberá afrontar as consecuencias físicas da batalla, con ata tres xogadores con problemas físicos a poucos días de afrontar unha auténtica final en Pasarón fronte ao Rayo Majadahonda

Miguel Román, no momento de ser cambiado en Córdoba Primera RFEF

Problemas serios para o Pontevedra, non só polo golpe moral que supuxo a súa derrota en Córdoba a pesar de xogar máis de 80 minutos en superioridade numérica.

Os granates viron preto a opción de puntuar e mesmo gañar no campo do líder, nun duelo que terminou sendo unha auténtica batalla física con accións ao bordo do regulamento e moi discutidas polos propios futbolistas.

O peor é que ademais das consecuencias na confianza do equipo, a enfermería encheuse de golpe con varios xogadores con problemas físicos a poucos días de ter que afrontar unha auténtica final coa visita o vindeiro domingo 11 de decembro (17.00 horas) do Rayo Majadahonda ao Municipal de Pasarón.

Un deses futbolistas é Miguel Román, intocable ata a data nas aliñacións de Antonio Fernández, que o incluíu en todas as súas aliñacións na liga e que tivo que ser substituído pasada a media hora de xogo. O seu cambio debeuse ás consecuencias da dura entrada que supuxo a expulsión do cordobesista Gudelj no minuto 9 do partido, ao impactar con dureza cos tacos na tibia do granate.

Román tentou continuar sobre o céspede pero acabou deixando o seu posto a Alberto Rubio.

Outro xogador que acabou visiblemente tocado o choque en Córdoba foi Pablo Cacharrón. O porteiro dobrou o nocello esquerdo nun choque co seu compañeiro Luís Martínez que supuxo o córner no que o Córdoba lograría o seu gol, aínda co arqueiro rengueante. Seguiu no campo ata o final, pero coxeando claramente.

Ademais Seoane concluíu o partido cun forte golpe na súa perna dereita froito dunha durísima entrada de José Crespo nos minutos finais que mereceu a tarxeta vermella.

Estes tres casos únense no Pontevedra á ausencia segura de Ángel Bastos, baixa segura polo menos ata principios de 2023, e a dúbida dun Álex González que perdeu os dous últimos partidos de liga.