Miguel Simón deixa o Cisne despois de 12 anos de servizo

Pontevedra
27 de maio 2021

O pivote defensivo foi parte fundamental do crecemento deportivo do club e foi un dos artífices do o ascenso a  Asobal

Partido da Liga Asobal entre Cisne e BM Sinfín no Municipal
Partido da Liga Asobal entre Cisne e BM Sinfín no Municipal / Cristina Saiz

A falta dunha xornada para o final da liga Asobal, da que o Cisne xa consumou o seu descenso a Prata, os movementos no plantel da escuadra pontevedresa comezan a producirse. O club fixo oficial este xoves que o pivote defensivo Miguel Simón deixará a disciplina cisneísta ao finalizar a presente tempada.

Cunha traxectoria de 12 anos na entidade lerezana, Miguel Simón foi un dos baluartes defensivos dos últimos anos e un dos artífices do crecemento dun club humilde e de canteira como o Cisne. O ascenso e debut en Asobal supuxo o colofón a máis dunha década de dedicación e despois de cumprir o soño de xogar ao máximo nivel, o xogador decidiu deixar o Cisne.

"O pivote defensivo Miguel Simón é a primeira baixa do Dicsa Modular Cisne. Durante 12 anos gozamos da calidade, tanto deportiva como humana, deste xogador. Desexámoslle a mellor das sortes. El sabe que esta sempre será a súa casa!", recolle a conta oficial de Twitter do club.

O pivote foi un dos xogadores con máis minutos da tempada e, aínda que a súa achega ofensiva foi escasa porque é un especialista defensivo, abandona a liga Asobal con seis tantos na súa conta particular.

Cando finalice a tempada, persoal e directiva manterán reunións para concretar que xogadores renovarán os seus contratos para o próximo curso no que o Cisne tratará de regresar á elite do balonmán español.