A segunda etapa da Vuelta a Castilla y León celebrada este mércores mantén a Mika Vijfvinkel, do Supermercados Froiz, na pelexa polo primeiro posto da clasificación xeral.
Con saída en Quesería La Antigua Fuentesaúco, o holandés fixo fronte aos 154 quilómetros de percorrido que terminaron en Cuéllar.
A pesar dos continuos intentos de escapada por parte do líder Luke Valentí, o ciclista da escuadra alimenticia mantivo o pulso para entrar en meta en decimo cuarta posición e a só dous segundos.
Esta distancia é a que separa a Mika do ciclista canadense na clasificación xeral, polo que todo queda por decidir nas tres etapas restantes desta Vuelta a Castilla y León.
As mellores noticias chegan no referente á clasificación de mozos, unha lista que si lidera o ciclista do equipo pontevedrés por diante de Francisco Jesús Fernández (Estremadura Pebetero) e de Ander Otegi (BBK - Euskadi Sub23).
O ecuador da competición chega este mesmo xoves cunha cita de 140 quilómetros que une Santa Marta de Tormes e Piedrahita.
Será unha etapa moito máis montañosa cun porto de primeira categoría en Ávila, circunstancia que marcará o devir dunha carreira que terminará cun tramo final de 25 quilómetros que serán para rodar con forza até chegar á liña de meta.
En canto á clasificación por equipos, Supermercados Froiz ocupa actualmente a segunda posición a once segundos do Equipo Cortizo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.