Miki Bosch e a loita do Pontevedra polo play-off: "Gústannos os retos difíciles"

Pontevedra
25 de marzo 2026

O central granate asegura que "imos ir a por todo" nun desprazamento complicado como o de Zamora que afrontan coa ilusión de "poder estar en play-off as máximas semanas posibles"

Rolda de prensa de Miki Bosch, xogador do Pontevedra CF

Cada vez queda menos para o final de liga en Primeira RFEF e o Pontevedra Club de Fútbol mantén a ilusión de "poder estar en play-off as máximas semanas posibles".

Así o asegurou este mércores desde a sala de prensa de Pasarón un dos futbolistas con máis minutos disputados esta campaña, como é Miki Bosch.

O central granate defende que "todos os xogadores imos dar ao 100% nestes partidos".

Nin a falta de gol das últimas semanas mingua a confianza do plantel, e é que "gústannos os retos difíciles", mantén o defensor en representación dos seus compañeiros e en relación ao emocionante final de campaña que se presenta por diante.

Empezando todo iso cun complicado desprazamento a Zamora (sábado 28, 16.15 horas). "Temos os mesmos puntos. Un está quinto, o outro está sétimo, e é un partido moi bonito onde se vai a ver un bo fútbol e no que todos os xogadores van ir a dar o máximo", sinala Bosch.

Rolda de prensa de Miki Bosch, xogador do Pontevedra CFAlberto de Madrid Lafuente

En canto ao momento que vive o equipo granate "temos a esixencia plena na eficacia nas áreas, tanto defensiva como ofensivamente. Ao final é cuestión de sorte, pero insistimos, insistimos, insistimos e sabemos que tarde ou cedo o gol vai chegar", explicou.

Miki afirma ademais que nunha Primeira RFEF "moi igualada, un punto arriba, un punto abaixo ao final nótase", pero pide "gozar do que estamos a facer con moita tranquilidade e con cabeza, porque sabemos que é difícil".

Unha mensaxe dirixida tamén para unha afección pontevedresa á que, promete, "imos ir a por todo" tanto en Zamora como nos partidos que restan.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora