Foi dúbida até última hora para o duelo ante o Tenerife, pero a falta de efectivos en defensa pola lesión de Garay e a sanción de Montoro fixéronlle dar un paso á fronte para repetir por terceira xornada consecutiva no once inicial, aínda que lucindo una vendaxe na súa perna.
Miki Bosch compareceu este mércores na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón, afirmando que "xa recuperei" a nivel físico de "unha molestia que tiña aí no isquio".
Por ese motivo pensa xa na visita ao campo do Athletic B, un desprazamento no que confía en volver á senda do triunfo.
"Temos un equipo que calquera xogador que entra no once de inicio vai dar a talla e iso ao final ter substituto ou ter que xogar, dá igual porque o equipo vai sumar de calquera xeito posible", resaltou o central.
Bosch recoñece que tras os duelos contra Ponferradina e Tenerife e cos dous encontros a domicilio consecutivos "é un mes complicado, pero temos un equipo ao que lle gustan os retos".
Ese desafío terá próxima parada en Lezama, onde o defensor granate agarda "un partido moi igualado onde os dous equipos imos ter protagonismo".
Tamén será un choque "intenso onde imos dalo todo para levarn os puntos", prognostica.
"Ao final eles alí na casa son fortes, igual que nós aquí, por iso os primeiros minutos son importantes e imos facer fincapé niso", finalizou o 4 do Pontevedra.