A Milla de San Miguel, unha cita imperdible

Marín
25 de setembro 2025

Máis de 400 deportistas inscribíronse a unha competición que se celebrará este sábado 27 de setembro e que chega xa a súa 26ª edición

Presentacion da XXVI Milla Urbana San Miguel
Presentacion da XXVI Milla Urbana San Miguel / Concello de Marín

Converteuse xa en todo un clásico para todo o atletismo non só local, senón tamén de toda a comarca.

A Milla Urbana San Miguel de Marín prepárase para vivir este sábado 27 de setembro a súa XXVI edición.

Son máis de 400 os atletas inscritos para esta clásica competición que completa a programación festiva do popular San Miguel na vila marinense, segundo avanzaron na presentación oficial da proba celebrada na Alameda.

Participaron na presentación a alcaldesa, María Ramallo; o concelleiro de Deportes, Antonio Traba; o organizador da Milla, Víctor Riobó; o presidente do Club San Miguel, Carlos de la Torre; xunto con Consuelo Aboal.

A Milla Urbana San Miguel celebrarase no seu habitual circuíto da Avenida de Ourense e até a Praza de España.

A actividade deportiva arrincará ás 18.00 horas coas categorías Sub16, Sub14, Sub12, Sub10 e a dos máis pequenos.

Pola súa banda ás 20.20 horas será quenda das probas populares, mentres que ás 20.40 horas celebrarase a categoría elite feminina e ás 20.50 a elite masculina.