O Rally de Pontevedra - Memorial Miguel Álvarez segue desvelando detalles da que será a súa cuarta edición.
A competición automobilística terá parada no municipio de Moraña, tal e como confirmou o goberno local tras fitrmar un convenio de colaboración coa organización da proba, a Escudería Corredoira Team Sanxenxo.
Desta forma Moraña únese aos tramos de Meaño, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, polos que se espera que participen preto de 140 pilotos.
En total completaranse tres pasadas en cada un dos tramos ao longo da xornada, mentres que en Moraña instalarase un control de paso por diante do edificio do Concello.
Trátase dun rally incluído no campionato galego e que terá lugar o próximo 25 de xuño.
Por parte do Concello de Moraña, o seu alcalde José Cela mostrouse "orgulloso de poder ter unha competición deste calibre" animando aos seus veciños para "gozar desta proba e a que acudan e non perdan a oportunidade de gozar dun rally de primeiro nivel".