Vela, loita, balonmán praia e automobilismo no mes de xuño máis deportivo de Sanxenxo

Sanxenxo
10 de maio 2022

A actividade deportiva comeza xa o 1 de xuño coa celebración das Olimpíadas para Maiores, para continuar despois co mundial de Vela 6 mR, as series mundiais de loita praia, o campionato de España de balonmán praia e o paso polo municipio do rally de Pontevedra

Torneo de balonmán praia en Bueu
Torneo de balonmán praia en Bueu / Xoel Gil - Patri Rivas / Federación Galega de Balonmán

Sanxenxo prepárase par albergar en xuño ata catro probas deportivas de carácter nacional e internacional. O municipio dará o pistoletazo de saída a este calendario deportivo con In Common Sports, coñecido popularmente como Olimpíadas para Maiores os días 1, 2 e 3 de xuño.

Trátase un proxecto europeo impulsado desde a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo que ten como obxectivo motivar ás persoas maiores cara á práctica deportiva e a actividade física. Unha cita na que haberá participantes chegados de Portugal, Italia, Hungría, Bulgaria, España e Eslovenia.

O Real Club Náutico de Sanxenxo volverá ser o epicentro mundial de vela co Xacobeo 6 mR Worlds desde o 10 ao 18 de xuño. Unha cita que reunirá a unha multitudinaria frota que converterá de novo a Sanxenxo na capital internacional da vela, entre os participantes, embarcacións con bandeiras de Canadá, Estados Unidos, Finlandia e Alemaña.

As Series Mundiais de loita praia disputarán o 18 e 19 de xuño en Silgar o segundo dos catro torneos dos que consta a competición promovida pola Federación Internacional de Loita e a Federación Galega de Loita. Sanxenxo será a única sede española onde se dispute unha das probas do campionato. Estas series comezarán no mes de maio en Ucraína e tras a rolda sanxenxina continuará en Francia e Grecia, ambas en xullo.

No torneo está prevista a participación de preto de 200 deportistas de países como Croacia, Francia, Italia e España, aos que hai que sumar técnicos, árbitros, adestradores e acompañantes. A organización prevé un movemento de aproximadamente unhas 400 persoas.

O calendario deportivo de Sanxenxo sumará este ano o Campionato de España de Balonmán Praia que se celebrará os días 24, 25 e 26 de xuño na praia de Silgar. A organización prevé máis de 1.600 participantes procedentes desde distintos puntos de España. Deste xeito, o municipio que xa se converteu o pasado verán no cuartel xeral da selección española de balonmán para a súa preparación para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020, continúa forxando lazos con esta disciplina deportiva.

Coincidindo en datas, o municipio acollerá a segunda edición do Rally de Pontevedra, unha proba a nivel provincial que xa tivo o ano pasado como sede Sanxenxo e que repetirá tras o éxito cultivado.