Un Multisport ideado como "unha festa do deporte" pero tamén como aposta "pola música e a cultura local"

Pontevedra
02 de xuño 2025
Actualizado: 14:20

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este luns a programación paralela que acompañará os Campionatos do Mundo Multideporte en xuño

Miguel Anxo Fernández Lores presenta a programación paralela do Multisport
Miguel Anxo Fernández Lores presenta a programación paralela do Multisport / Pablo Ajuria - Brais Porto

A pouco máis de 15 días para que comecen os Campionatos do Mundo Multideporte de Tríatlon 2025, Pontevedra vai quentando motores e desvelando aos poucos detalles do evento.

Este luns o alcalde Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, aproveitou a presentación da programación paralela que acompañará ao evento, detallada recentemente por PontevedraViva, para seguir avanzando o que lle espera á Boa Vila.

"Levamos moitos anos facendo probas de triatlón e este sería o cuarto Mundial. O primeiro foi en 2014 o mundial de duatlón, 2019 o primeiro Multisport, 2023 a Gran Final das Series Mundias, en 2025 repetimos Multisport e o ano que vén teremos outra vez a Gran Final das Series Mundiais", lembrou o rexedor da capital.

Asegura Lores que os mundiais serán "unha festa do deporte, pero queremos que toda a xente que se achegue a Pontevedra, deportistas e visitantes, coñezan tamén a nosa cultura".

Por iso acompaña á competición unha "aposta pola cultura galega e pola música e cultura local".

Mondra, unha das grandes referencias da nova onda da música galega, encabeza esta programación paralela cunha actuación o venres 27 de xuño, ás 22:00 horas, na Praza de España.

Todo arrincará en todo caso coa cerimonia de apertura, o venres 20 de xuño ás 18:30, na que actuará a compañía pontevedresa Pablo Méndez Performances.

O sábado 21 de xuño haberá unha dobre actuación musical, a cargo de Purple (19:00 horas, Praza da Peregrina) e Javier Lago (20:30 horas, Praza de San Xosé), e Green Hot Peppers actuará o domingo22 de xuño (21:30 horas, Praza de España).

A aula de música tradicional do campus de Pontevedra ofrecerá, pola súa banda, un concerto ás 20:30 horas do luns 23 de xuño no escenario da Praza de España.

Sesións con Certain People e N.Skillzz (18:00 horas. Playground Store) e Arque (18.00 horas, Miler Vintage Club), animarán o martes 24 de xuño; mentres que ao día seguinte tocarán Cora (20:00 horas, Praza de Compostela) e Helena Egea (21:30 horas, Praza de Ourense).

Ademais, Kris K e Carlos Crespo animarán ao público, desde o seis da tarde, en Rei Zentolo.

O broche final porano o 29 de xuño na Claurura o concerto que ofrecerá o triatleta galego Javi Gómez Noya xunto á súa banda de rock, Liorta (22.30 horas), seguido de Broken Peach (23.30 horas).

Xunto a todas estas actuacións "este Multisport ten unhas características especiais porque coincide tamén coa celebración do Orgullo, cunha programación paralela impresionante, e tamén coa inauguración da Bienal Internacional de Arte", destacou Lores.