O que, segundo os organizadores, foi o mellor Mundial Multideporte da historia chegou ao seu fin. Tras dez días de competición, Pontevedra despídese do tríatlon. Polo momento.
Despois da entrega de medallas dos campións do mundo elite e de grupos de idade do tríatlon de longa distancia, a última das probas disputadas, celebrouse a sesión de clausura duns campionatos que bateron todas as marcas.
Case 4.000 deportistas chegados de até 44 países tomaron parte nas probas de dúatlon sprint e estándar, tríatlon cros, dúatlon cros, acuatlón, longa distancia e aquabike desde o pasado día 20 de xuño até este domingo.
Nesta clausura, ademais, homenaxeouse e recoñeceuse ás vinte "lendas", os deportistas que completaron todos e cada un dos campionatos do mundo celebrados durante este dez días en Pontevedra.
Antes de despedir estes mundiais, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pasou a bandeira dos campionatos aos representantes de Abu Dhabi (Emiratos Árabes Unidos), país no que se organizará o Multisport 2026, na illa Hudayriyat.
E, do mesmo xeito que pasou durante toda a semana, o tríatlon non podía dicir adeus a Pontevedra sen unha boa sesión de música e, nesta ocasión, con maior motivo.
Foi co concerto que protagonizou no escenario da Praza de España o grupo Liorta, a banda do pentacampión do mundo de tríatlon, Javi Gómez Noya, que demostrou a súa mestría á guitarra.
O colofón a esta noite púxoo a banda viguesa Broken Peach.
Pontevedra, tras albergar o Mundial Multideporte de 2019 e a gran final das Series Mundiais en 2023, coroouse este verán como un destino de referencia internacional para a práctica do tríatlon.
Foi como paso previo a volver ser a sede da final das Series Mundiais en 2026.