O Multisport toma o centro do Pontevedra cunha espectacular inauguración

Pontevedra
20 de xuño 2025

Explosión multicolor no inicio dos Mundiais Multideporte de Tríatlon de Pontevedra, co vistoso desfile de participantes e un espectáculo de acrobacias de Pablo Méndez Performances

Inauguración do Multisport 2025 de Tríatlon
Inauguración do Multisport 2025 de Tríatlon / Mónica Patxot

Con toda unha explosión de cor e de bo ambiente. Así abriron oficialmente este venres os Campionatos do Mundo Multideporte de Tríatlon de Pontevedra.

A Boa Vila volve concentrar todas as miradas do deporte internacional cun Multisport multitudinario, no que participan máis de 3.500 deportistas de 44 países.

Até o 29 de xuño aquí vanse celebrar os mundiais de dúatlon, tríatlon cros, dúatlon cros, acuatlón, aquabike e tríatlon de longa distancia, pero antes era momento da cerimonia oficial de inauguración dos campionatos.

As delegacións dos países participantes e unha nutrida representación de deportistas protagonizaron o xa habitual desfile de nacións entre a Ferrería e a Praza de España, portando bandeiras e equipamento con cores e emblemas representaivos dos seus países.

Aos poucos foron chegando a unha Praza de España que se foi enchendo para poder presenciar o espectacular show 'Augas de Lenda', un espectáculo de fantasía, acrobacia e danza creado especificamente para a ocasión pola compañía local Pablo Méndez Performances.

Artistas do Cirque du Soleil, bailaríns e criaturas de lenda xurdiron do océano escénico para expresar o vínculo ancestral entre Pontevedra e o mar.

Unha actuación que non deixou indiferente a ninguén e que deu paso á inauguración oficial coas autoridades.

"Estou orgulloso de que volvamos a ser de novo a capital mundial do tríatlon", afirmou na súa intervención o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores lembrando que "somos a primeira cidade do mundo en repetir un Multisport e en 2026 tamén repetiremos Gran Final das Series Mundiais".

E é que Pontevedra é "la ciudad más emblemática del triatlón mundial", sinalou o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, defendendo que "ninguna otra ha demostrado un compromiso tan genuino con este deporte".

Tamén subiron ao escenario o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, para falar dunha cidade e unha provincia que non ten "nada que envexar a ningunha outra cidade do mundo na nosa capacidade para albergar grandes eventos deportivos"; e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, que lembrou a dobre medalla lograda en 2019 na longa distancia por Javi Gómez Noya e Pablo Dapena, e aínda que "o mundo xa non é mesmo" afirmou que "a capacidade deportiva e triatlética de Galicia segue inamovible".

O que está asegurado polo menos é que non faltará a emoción nos Mundiais Multideporte, empezando este mesmo sábado 21 de xuño coa competición de dúatlon.