Pontevedra conta as horas para o comezo dos Campionatos do Mundo Multideporte de Tríatlon, que comezarán este sábado 21 de xuño coas probas de Dúatlon.
Por ese motivo, o Concello de Pontevedra acolleu a rolda de prensa oficial coa selección española, liderada polo seleccionador nacional, Iñaki Arenal, e o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Javi Campos.
O tres estiveron acompañados polo "potente" equipo de duatletas formado por Javier Martín (vixente campión do Mundo), Genís Grau, o olímpico Antonio Serrat, María Varo (actual campioa de Europa), Pilar García e Sara Reimondo en categoría elite; polos Sub23 Paula del Pozo, Gemma Frigola, Jarno Pousada e Ander Michelena; e tamén por María Tenorio, Cristina Jiménez-Orta, Damián Suárez e Manuel Prada, os deportistas júniors convocados para a proba.
Para Areal "é o equipo máis completo que puidemos traer. Temos á campioa de Europa, ao campión do Mundo e a un olímpico como Serrat" aos que acompaña "xente de primeiro nivel que pon contra as cordas aos propios campións do mundo", recoñeceu.

É por iso que confía en que o combinado nacional saia con "unhas cantas medallas, polo menos dúas ou tres" das probas do sábado, nas que terán que dar o mellor de si mesmos para combater a calor e superar a Francia ou Italia, dúas das seleccións máis potentes dos últimos anos.
Pola súa banda, para o vigués Antonio Serrat a do sábado será "unha proba especial" porque "vai vir moita xente a deixar a pel por nós", sinalou en referencia aos seus compañeiros do Cidade de Lugo Jarno Pousada e Sara Reimondo.

Aínda que é "unha disciplina á que non estou afeito, téñolle moito respecto á carreira, pero será despois dos primeiros minutos cando saberei cales son as miñas opcións e as miñas bazas para facelo o mellor posible", confirmou o olímpico.
Para Pousada tamén será "unha carreira moi especial" xa que "van estar os nosos compañeiros de adestramento e velos durante o circuíto faiche competir mellor".
No caso de Reimondo, chega á cita, igual que os seus compañeiros, coñecedora do circuíto que lle espera en Pontevedra. É unha distancia á que non está afeita, son 10 quilómetros máis de bici e 5 máis a pé, por iso, para ela, a clave estará "en saber dosificar e medir a forza" porque só así poderá "chegar a tope aos últimos quilómetros", onde cre que se decidirá a proba.
Unha vez concluíu a rolda de prensa, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o ex campión do mundo Mario Mola, deron a benvida aos triatletas da Selección e ao resto de españois que competirán en categorías de grupos de idade.
Pontevedra recibirá estes 9 días a máis de 3.500 deportistas chegados desde 44 países diferentes.
Consulta nesta ligazón os horarios de todas as probas.