A pouco máis dunha semana para o pistoletazo de saída dos Campionatos do Mundo Multideporte de Tríatlon de Pontevedra, a Boa Vila empeza a prepararse para o gran evento deportivo do ano.
Aquí disputaranse do 20 ao 29 de xuño os mundiais de tríatlon de longa distancia, dúatlon, acuatlón, aquabike, dúatlon cros e tríatlon cros.
Todas esas disciplinas contarán con competición elite e de grupos de idade, salvo o aquabike na que só se disputan probas por idades, o que dispará a participación a preto de 4.000 deportistas.
Entre os detalles dun evento descomunal no organizativo, escóndense pequenos detalles como a bolsa de premios que se destinará aos primeiros clasificados elite.
En total o Multisport de Pontevedra contará con recompensas económicas por valor de 320.000 dólares para os primeiros clasificados de cada categoría.
A maior bolsa de premios é a destinada ao tríatlon de longa distancia (130.000 dólares en total), con recompensas para os 15 primeiros clasificados. O gañador e gañadora levarán 16.250 dólares cada un e a partir de aí os premios serán de: 13.000 dólares (2º), 9.750 (3º), 6.500 (4º), 4.550 (5º), 3.900 (6º), 3.250 (7º), 1.950 (8º), 1.465 (9º), 1.135 (10º), 975 (11º), 815 (12º), 650 (13º), 485 (14º) e 325 dólares (15º).
Pola súa banda no dúatlon repartiranse até 105.000 dólares, 45.000 deles para cada unha das probas individuais e 15.000 máis para os equipos de remudas. O campión e campioa mundial individual levarán 11.250 dólares, e o equipo vencedor 4.500 dólares.
Séguelle na lista o tríatlon cros con 60.000 dólares de bolsa económica e recompensas de 7.500 dólares para o primeiro clasificado.
Por último e coa menor cifra de premios están o acuatlón e o dúatlon cros con 12.500 dólares en cada modalidade e un premio en metálico 1.565 dólares para cada campión do mundo.
