'Ante todo, moita calma!'. Esa é a frase que encabeza o folleto explicativo elaborado polo Concello de Pontevedra con todas as recomendacións, instrucións e restricións de mobilidade de cara aos Campionatos do Mundo Multideporte de Tríatlon que se celebrarán na cidade do 20 ao 29 de xuño.
"Trátase do plan de mobilidade máis complexo e ao mesmo tempo máis preciso e sotisficado feito por esta cidade para un evento", asegurou a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, nunha rolda de prensa na que deu a coñecer o dispositivo.
"Coma sempre a finalidade é que a cidade sufra o menos posible as consecuencias negativas e poida desfrutar ao máximo das positivas. Son nove días de competición nos que estará abarrotada de deportistas e esperemos que de xente a cidade de Pontevedra", explicou a edil.
"Pido de antemán desculpas", sinalou Vilaverde solicitando "a colaboración de todos" para poder vivir en Pontevedra un "espectáculo único".
En total elaboráronse 15 mapas con recomendacións e restricións tanto a nivel xeral de toda a cidade como específica para cada xornada de competición ou zona afectada.
Todos e cada un destes mapas, así como toda a información necesaria, pode consultarse na páxina web oficial dos Mundiais Multideporte de Tríatlon.

Ademais imprimíronse 30.000 exemplares dun folleto explicativo que serán repartidos por toda Pontevedra e colocarase cartelaría específica en cada unha das zonas da cidade, ademais de terse mantido reunións con empresas, colectivos e entidades.
"Pedimos que o coche se utilice únicamente cando sexa imprescindible e evitando as zonas de competición", sinalou a responsable municipal facendo fincapé por unha banda na denominada 'zona cero' do evento, o tramo da Avenida de Bos Aires cara a Monte Porreiro xunto á ponte dos Tirantes, que permanecerá pecho ao tráfico rodado do 20 de xuño ao 1 de xullo, e polo outro ás afectacións na N-550 especialmente o domingo 29 de xuño co tríatlon de longa distancia que afectará a esta via nacional entre Barro e Estribela de 7.00 a 21.30 horas.

Eva Vilaverde ofreceu ademais na súa comparecencia algúns datos do impresionante dispositivo de seguridade e mobilidade, que necesitará de 850 persoas entre voluntarios e persoal contratado para os controis e puntos de cruzamento dos circuítos (non se inclúen aos voluntarios deportivos), 30 médicos, 41 ambulancias, 56 socorrisatas, 40 piragüistas, 25 embarcacións, 99 motos e até un hospital de campaña.
Involucrarase a persoal da Policía Nacional, Policía Local, Garda Civil, Brilat, Bombeiros de Pontevedra e Protección Civil ademais de persoal doutros servizos como Viaqua, Prezero ou o servizo municipal de Deportes.
Habilitouse o teléfono 986 833 080 para calquera consulta máis concreta sobre desprazamentos durante estes días e o correo electrónico [email protected], no que será necesario deixar un número de teléfono.