O Mundial Multideporte de Tríatlon de Pontevedra terá un orzamento de "ao redor de 2.900.000 euros"

Pontevedra
18 de marzo 2025

Así o avanzou este martes o alcalde da Boa Vila tras unha reunión do Comité Organizador do gran evento deportivo que se celebrará a finais do mes de xuño

Rolda de prensa tras unha reunión do comité organizador do Mundial Multideporte 2025 Mónica Patxot

Pontevedra acelera a conta atrás cara ao Mundial Multideporte de Tríatlon que por segunda vez acollerá a Boa Vila.

O Concello de Pontevedra acolleu este martes unha reunión do Comité Organizador do gran evento deportivo, que se celebrará entre o 20 e o 29 de xuño cos campionatos do Mundo de até seis modalidades deportivas (dúatlon, acuatlón, aquabike, tríatlon de longa distancia, tríatlon cros e dúatlon cros).

Na mesma o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, avanzou que o orzamento do Mundial Multideporte estará "ao redor de 2.900.000 euros", a falta de ultimar pequenos detallles.

Desa cifra "hai unha parte importante, sobre o 25%, que veñen das tarifas dos triatletas que compiten", aínda que a maior achega será a da administración local.

"O Concello fai un esforzo grandísimo. Estamos por riba dos 860.000 euros", confirma Lores.

A iso sumaranse achegas da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia e tamén patrocinadores privados.

Rolda de prensa tras unha reunión do comité organizador do Mundial Multideporte 2025Mónica Patxot

Trátase dun aumento importante con respecto á edición de 2019, que tamén organizou Pontevedra, e cuxo orzamento se fixaba entón ao redor dos 1,3 millóns, aínda que nesta ocasión o evento creceu en magnitude con máis probas deportivas.

No que respecta á participación, "as previsións son duns 4.000 deportistas e de ao redor de 12.000 visitantes", explicou na súa intervención o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo.

O presidente federativo comparou o impacto deste evento coa Gran Final das Series Mundiais que se celebrará tamén en Pontevedra en 2026 e que segundo unha auditoría da Federación "el año pasado dejó un impacto de 44 millones de euros en Torremolinos".

Ademais do alcalde e presidente da Federación Española, na reunión celebrada no Concello de Pontevedra participaron, entre outros, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, e o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.