Nace o I Torneo EncestaRías Woman para saldar unha "débeda co baloncesto feminino"

O Salnés
11 de setembro 2025

A primeira edición do torneo celebrarase en Vilagarcía o día 28 de setembro coa participación de Ensino de Lugo, o Barcelos portugués, o Cortegada e o Maristas A Coruña

Presentación do I Torneo EncestaRías Woman Concello de Vilagarcía

"Vilagarcía salda por fin unha débeda co baloncesto feminino ao acoller unha nova pata do EncestaRías".

Con esas palabras do alcalde da localidade arousá, Alberto Varela, presentouse o I Torneo EncestaRías Woman.

O torneo disputarase na súa estrea o día 28 de setembro no pavillón municipal Sara Gómez de Fontecarmoa.

Farao cun dobre encontro, por unha banda cun duelo entre Ensino de Lugo e o Barcelos portugués (17.00 horas) e polo outro enfrontando ao local Cortegada co Maristas A Coruña (19.00 horas).

Poderanse seguir desta forma as evolucións de dous equipos da máxima categoría no seu respectivo país, como son Ensino e Barcelos, xunto a dous proxectos da Liga Feminina 2.

Os socios de Cortegada como do CLB terán acceso de balde, mentres que para o resto do público a entrada custará 5 euros.

Este novo torneo busca "reforzar a identidade e conexión do EncestaRías con Vilagarcía", explicou un dos seus organizadores, Diego Doval.

"O masculino tivémolo que levar para Pontevedra por tema de aforo, pero queremos que todo o mundo saiba que o proxecto naceu aquí e sempre estará ligado á cidade", engadiu.