Narlyn Mosquera suma o seu primeiro MVP da xornada co Arxil

Pontevedra
31 de outubro 2017

A pívot colombiana, que chegou a Pontevedra coa tarefa de marcar diferenzas no plantel arxilista, empézase a axustar aos esquemas de Mayte Méndez como demostra o seu partido en Barcelona, que lle valeu para ser elixida mellor xogadora da xornada

Narlyn Tatiana Mosquera no partido entre Arxil e Celta no CGTD
Narlyn Tatiana Mosquera no partido entre Arxil e Celta no CGTD / Diego Torrado

Protagonizou o culebrón do verán no Arxil, con problemas de visado que impediron a súa chegada a Pontevedra ata a semana que comezaba a competición na Liga Feminina 2, e mes e medio despois empeza a render como se esperaba.

Narlyn Tatiana Mosquera foi elixida como MVP, a mellor xogadora da xornada, grazas aos seus 27 puntos, 7 rebotes e 31 de valoración ante o Joventut Les Corts, claves na vitoria pontevedresa que cortaba unha mala serie de dúas semanas con senllas derrotas.

A pívot colombiana foi fichada coa intención de que marcase diferenzas no xogo interior e achegase un extra de calidade ao plantel verde, e parece que ao fin empeza a amoldarse aos esquemas de Mayte Méndez.

Con respecto aos seus números durante a tempada, a súa media sitúase polo momento en 13,4 puntos e 6,4 rebotes por partido, en 28 minutos de xogo.

Mosquera chegou ao Arxil procedente do Alcobendas cunha misión, facer esquecer a Minata Keita, consolidada como unha das xogadoras máis determinantes da categoría nos últimos anos. Unha tarefa complicada pero na que empeza a facerse valer con partidos como o protagonizado en Barcelona.

Agora o reto será manter o nivel na próxima xornada de liga, na que o equipo pontevedrés recibirá no CGTD (sábado, 19:30 horas) ao Aros de León.