A narración en galego chega aos partidos da Selección Española en RTVE

Pontevedra
10 de outubro 2025
Actualizado: 16:50

A televisión pública confirmou que os partidos de clasificación de España para o Mundial ante Xeorxia e Bulgaria poderanse seguir con narración en lingua galega por primeira vez na historia

Partido de la Selección Española de Fútbol
Partido de la Selección Española de Fútbol / RFEF

Por primeira vez na historia, os partidos da Selección Española de Fútbol Absoluta Masculina poderán seguirse a través da televisión pública nacional acompañados de narración en lingua galega.

Así o confirmou este venres Radio Televisión Española (RTVE), avanzando que esta opción estará dispoñible para os encontros de España na fase de clasificación para o Mundial 2026 que disputará o sábado 11 e o martes 14 de outubro ante Xeorxia e Bulgaria, respectivamente.

Segundo explica RTVE, a transmisión ofrecerá a opción de escoller o galego a través da segunda pista de audio dos televisores.

A narración correrá a cargo de Carlos Jiménez, habitual narrador de Radio Nacional de España (RNE), e de Enrique Morales, redactor de deportes de RTVE en Vigo.

Contará ademais coas achegas técnicas de Manel Fernández Anidos, ex futbolista internacional da sub-21 para España e que que xogou en equipos como o Celta e o Racing de Ferrol, entre outros.

O España-Xeorxia xogarase este sábado, 11 de outubro, ás 20:45 no Martínez Valero de Elxe, e o España-Bulgaria, o vindeiro martes 14 de outubro á mesma hora en Valladolid.