Natalia Murio vence no máster de Medina del Campo de bádminton

Pontevedra
02 de abril 2019

A xogadora do Club Bádminton Ravachol Pontevedra protagonizou un gran torneo no máster nacional Sub-13 e Sub-17

Deportistas do Bádminton Ravachol no Máster Nacional de Medina del Campo
Deportistas do Bádminton Ravachol no Máster Nacional de Medina del Campo / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

Notable fin de semana de competición para o Club Bádminton Ravachol Pontevedra, especialmente no Máster Nacional Sub-13 e Sub-17 celebrado na localidade valisoletana de Medina del Campo.

Ata alí desprazouse Natalia Murio demostrando o seu bo momento de forma para gañar o que é o seu segundo máster da tempada formando parella coa catalá Paula Molins.

A parella galego-catalá superou a fase de grupos con dúas vitorias e unha derrota, deixando algunhas dúbidas no seu xogo, pero na final repetiron enfrontamento contra a parella valenciano-madrileña formada por Llucía Vázquez e Celia Ibáñez, ás que venceron en dous sets por 21-17 e 21-19.

Na categoría  Sub-13 participou Lía Illán, que non puido disputar os seus partidos ao retirarse por lesión.

Outro punto de atención estivo en Viveiro, nunha proba do circuíto autonómico sénior, con tres participantes pontevedreses entre os que destacou Alejandro Ramos, que levou tres medallas de prata.