Se hai algo que non falla esta tempada no Club Baloncesto Arxil de Liga Feminina 2 é a regularidade de Nerea Liste, convertida en líder do equipo pontevedrés ata nos seus días máis difíciles.
Así ocorreu de feito a fin de semana nun encontro que supuxo unha dura derrota das pontevedresas, en Valladolid, por 74 a 65.
Nese partido Liste sumou uns impresionantes números de 21 puntos, 10 rebotes, 4 asistencias e 6 faltas recibidas para un total de 34 puntos de valoración. Cifras que aínda que non lle valeron nesta ocasión o MVP da xornada (leva dúas este curso), si a puxeron no quinteto ideal como mellor pívot.
Nerea, de 20 anos, consolidouse nunha tempada na que encabeza o ranking de xogadora máis valorada do Grupo A despois de 18 xornadas, con 21,5 puntos de valoración media.
A xogadora do Arxil é ademais a mellor reboteadora (11,39 rebotes por partido).
Toda unha referencia para un equipo que marcha na cuarta posición do seu grupo e en postos de play-off con dous triunfos de marxe sobre o seu inmediato perseguidor. Unha posición de privilexio que tentarán defender coa visita a próxima xornada ao CGTD (sábado 24, 18.30 horas) presisamente dun dos seus perseguidores, o GEiEG.