Sufrida vitoria do Arxil ante o Geieg (64-57)

Pontevedra
24 de febreiro 2024

O Club Baloncesto Arxil sumou este sábado unha nova vitoria que o eleva ao terceiro posto de clasificación da liga Feminina 2 despois de impoñerse por 64-57 ao Geieg de Xirona  

Partido entre CB Arxil e Geieg no CTGD
Partido entre CB Arxil e Geieg no CTGD

O Club Baloncesto Arxil sumou este sábado unha nova vitoria que o eleva ao terceiro posto de clasificación da liga Feminina 2 despois de impoñerse por 64-57 ao Geieg de Xirona.

O equipo pontevedrés fíxose dono e señor do primeiro cuarto, cedendo tan só cinco puntos fronte aos 15 anotados polas súas xogadoras, que a pesar de non estar entoadas desde a liña de tiros libres, si os estaban baixo o aro e desde a liña de tres.

Coa vantaxe de 10 puntos comezou o segundo. O cadro catalán deu co cambio que tanto necesitaba para meterse no encontro. Deu un paso adiante e conseguiu entoarse en tarefas ofensivas (29-20).

Despois do paso polos vestiarios chegaron os problemas para as de Mayte Méndez, que se empezaron a atopar débiles en defensa e non conseguían dar coa clave para deter o xogo dun rival que volteaba o resultado antes de alcanzar o último cuarto (41-43).

O Arxil non quería perder o partido e chegou a súa reacción, pero antes, o Geieg, subira o 41-47 ao marcador. Moreira, Forster, Ribeiro Trajchevska puxéronse ao choio en tarefas ofensivas, Liste apertou en defensa e aos poucos o equipo pontevedrés foise entoando para finalmente sentenciar por 64-57 e certificar un novo triunfo.

Consulta a acta nesta ligazón