O Club Baloncesto Arxil, co play-off de ascenso xa no peto, regresou ao CGTD para celebrar ante a súa afección o reto conseguido e, por suposto, o novo triunfo logrado diante do Náutico de Tenerife esta mesma tarde de sábado.
O conxunto pontevedrés demostrou o seu bo estado de forma a pesar de que lle custou entrar no partido e non foi ata o segundo cuarto cando o resultado empezouse a decantar ao seu favor grazas a unha soberbia actuación das xa habituais Nerea Liste e Ribeiro (32-23).
Despois do descanso o Tenerife tentou apertar o resultado apoiándose nos rebotes, pero de fronte ao aro non estaban tan acertadas e foron incapaces de aguantar.
O equipo canario tentouno pero non conseguiu recortar distancias, sentenciando finalmente o Arxil por un 69-51 que lles permite sumar a súa quinta vitoria consecutiva.
Consulta as estatísticas nesta ligazón