Nerea Liste, un amargo MVP para o Arxil no seu partido máis complicado

Pontevedra
23 de xaneiro 2024

A xogadora arxilista foi a máis valorada do Grupo A última xornada (29 puntos de valoración) a pesar da dura derrota do seu equipo na pista do segundo clasificado, o Hierros Díaz Miralvalle

Nerea Liste, no partido entre Arxil e ADBA no CGTD
Nerea Liste, no partido entre Arxil e ADBA no CGTD / Cristina Saiz

O encontro da xornada 14 na Liga Feminina 2 na pista do Hierros Díaz Miralvalle, segundo clasificado e un dos equipos máis en forma da competición, foi un dos máis difíciles da tempada para o Club Baloncesto Arxil.

O equipo pontevedrés encaixou unha contundente derrota por 73 a 47, e con todo unha das súas xogadoras destacou no choque ata tal punto de converterse na máis valorada (MVP) da xornada no Grupo A da Liga Feminina 2.

Trátase de Nerea Liste, que asinou a pesar da derrota 16 puntos, 10 rebotes, 4 asistencias e 6 faltas recibidas para un total de 29 puntos de valoración. O dato da xogadora arxilista, de 20 anos, contrasta cos 19 puntos de valoración cos que quedou o Arxil no seu conxunto.

Liste está a ser unha das pezas máis destacadas este curso do Arxil, quinto clasificado do grupo e en postos de play-off, alcanzando de media ata a data 12,9 puntos, 11,4 rebotes e 22,1 puntos de valoración por encontro.

Este é ademais o terceiro MVP da tempada que consegue co Arxil, tras os asinados na xornada 4 deste curso xunto a outro logrado a pasada tempada.