Nova edición do Marín Atlantic Open con ata 500 bailaríns diarios e participación internacional

Marín
21 de maio 2026
Actualizado: 17:49

As probas desenvolveranse no Pavillón do SEI San Narciso cun horario continuado durante toda a fin de semana

O Concello de Marín presentou unha nova edición do Marín Atlantic Open
O Concello de Marín presentou unha nova edición do Marín Atlantic Open / Concello de Marín

O Concello de Marín presentou unha nova edición do Marín Atlantic Open, unha cita xa consolidada no calendario deportivo e social tras máis dunha década de celebración.

O acto de presentación contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e do organizador do evento, Miguel Abreu, que puxeron en valor a relevancia desta competición, que atraerá durante a fin de semana a centos de participantes e acompañantes á vila.

A edición deste ano prevé unha destacada participación internacional, con bailaríns procedentes de Galicia, Portugal, Cantabria e Valencia.

As previsións apuntan a entre 400 e 500 deportistas cada día, o que converte esta convocatoria nunha das máis numerosas dos últimos anos.

Segundo destacou Miguel Abreu, "todo o baile máis importante de Galicia está en Marín este ano", ao tempo que agradeceu a colaboración do Concello e o traballo do persoal municipal de Deportes para facer posible a organización.

Pola súa banda, o concelleiro Antonio Traba subliñou o impacto que eventos deste tipo teñen para o municipio de Marín, tanto no plano deportivo como no económico.

Traba reiterou ademais a aposta do goberno local por acoller competicións que fomenten hábitos de vida saudables e contribúan a dar visibilidade ao municipio: "É un orgullo volver ser sede dun evento de referencia nacional como o Marín Atlantic", sinalou.

O campionato estrutúrase en diferentes bloques que abranguen diversas disciplinas. Entre elas destacan os bailes caribeños, cunha modalidade en crecemento que inclúe bachata, salsa e merengue en distintas categorías; as probas de estándar e latino, coas súas disciplinas clásicas; e as competicións de grupos e solos, que concentran unha importante parte da participación e do espectáculo.

As probas desenvolveranse no Pavillón do SEI San Narciso cun horario continuado durante toda a fin de semana: o sábado de 09:30 a 21:30 horas e o domingo de 09:00 a 21:00 horas.

O público pode consultar a programación detallada por bloques a través da web bailegalicia.net, onde se especifica a orde das competicións durante as dúas xornadas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora